mércores, 30 de novembro de 2011

MITOLOXÍA GREGA

Seguro que escoitáchedes falar algunha vez do Cabalo de Troia, o talón de Aquiles, a Odisea de Ulises, o minotauro, as sereas, as musas, os centauros... Todos eles, e algúns máis, son seres mitolóxicos da Antiga Grecia.

Esta pode ser unha boa ocasión para coñecer estos seres fantásticos e as súas historias..., lendas que nos fan voar a imaxinación...

     
Constelación de Pegaso

Dende estos enlaces podedes acceder a:

martes, 22 de novembro de 2011

GREECE: GRECIA EN INGLÉS

Caramba! Con esto dos idiomas é unha marabilla! Estades aprendendo tanto que xa vos podo ensinar algunhas páxinas que falan dos Xogos Olímpicos en inglés, coma Olimpic games ou incluso, si vos atrevedes podedes facer unha webquest sobre este tema tamén en inglés.

domingo, 20 de novembro de 2011

Os nenos na Antiga Grecia

Hoxe celebrouse o Día no que se conmemoran os Dereitos dos Nenos e a min entroume unha dúbida: como vivían os nenos en Grecia?
Pois ben, estiven investigando e averigüei algunhas cousas:
Para lavarse tiñan que facelo no río (imaxinádesvos ter que lavarse sempre en auga fría?) e por iso tiñan que aprender a nadar.
E a educación... estaba reservada únicamente para os nenos de familias ricas! E as nenas, non podían ir á escola.
Cando os nenos cumprían sete anos poñíanse baixo a tutela dun escravo chamado "pedagogo" que lle ensinaba boas maneiras e o levaba á escola, que estaba na propia casa do mestre.
Aprendían a ler e escribir, e as regras básicas da aritmética. Era moi importante que aprendesen de memoria versos do poeta Homero (o pai da literatura grega) e soubesen recitalos coa debida entoación. Máis tarde, se lles ensinaba música, a cantar e a tocar instrumentos sobre todo a lira e a frauta. Tamén aprendían a compoñer poesía e cantala acompañados da lira.
A partir dos doce anos, a educación física tiña prioridade sobre as demais. As clases impartíanse na palestra (un campo de deportes ao aire libre rodeada dunha columnata, a cuxa sombra se daban as clases teóricas)
As nenas de boa familia só aprendían a ler e escribir e algo de música. A súa educación centrábase nas tarefas que logo desempeñaría cando estivese casada: o traballo na casa, o coidado dos nenos, a manufactura dos tecidos, etc. As rapazas pobres, pola súa banda, ao igual que os nenos pobres, non tiñan acceso a ningún tipo de educación.
Os investigadores atoparon algúns xoguetes coma buxainas, aros, papaventos, carretes (usados como io-io) e muñecas feitas con terracota ou madeira. Tamén xogaban cos amigos á mosca cega, ó lanzamento de noces e ósos de animais ou ó “ephedrismos: que consistía en tratar de golpear cun accesorio un obxecto cravado no chan.

Día dos Dereitos dos Nenos

 En 1989 firmouse na ONU a Convención Internacional polos Dereitos dol Neno, que é unha lei escrita por adultos para protexer ós nenos.

Os Dereitos do Neno:

  1. Os nenos teñen dereito á vida.
  2. Os nenos teñen dereito a xogar e á diversión.
  3. Os nenos teñen dereito á liberdade e a compartir os seus puntos de vista.
  4. Os nenos teñen dereito a unha familia.
  5. Os nenos teñen dereito á protección durante os conflictos armados e contra as minas terrestres
  6. Os nenos teñen dereito á liberdade de conciencia.
  7. Os nenos teñen dereito á protección contra o descoido ou trato neglixente.
  8. Os nenos teñen dereito á protección contra o traballo infantil.
  9. Os nenos teñen dereito á información axeitada.
  10. Os nenos teñen dereito á protección contra o secuestro e a explotación.
  11. Os nenos teñen dereito á educación.
  12. Os nenos teñen dereito á saúde e á alimentación.
  13. Os nenos teñen dereito á liberdade.
  14. Os nenos teñen dereito a coñecer e gozar da nosa cultura.
  15. Os nenos teñen dereito a crecer nunha familia que lles dea afecto e amor.
  16. Os nenos teñen dereito a un nome e unha nacionalidade.
  17. Os nenos teñen dereito a non ser discriminados por sexo, credo, raza ou relixión.

sábado, 19 de novembro de 2011

ANIVERSARIO DO MUSEO DO PRADO

O 19 de marzo de 1819 o rei Fernando VII inaugurou o "Real Museo de Pintura y Escultura". Celébrase por tanto o seu 192 aniversario. O museo ten como funcións principais garantir a conservación do Patrimonio Histórico Español, exhibir as súas coleccións e fomentar o acceso a elas e o seu estudo.

Grazas ás novas tecnoloxías podemos acceder ás obras alí expostas a través da galería online, ou da enciclopedia.

Tamén podemos desfrutar de outros recursos a través de pradomedia. No apartado  colección onde se poden ver audioguías moi interesantes ou juegos, onde podemos xogar a atopa-las diferencias, buscar parellas ou uni-las obras cos seus autores.

Non perdades as audioguías infantís nas que da man da Infanta Margarida coñeceremos grandes obras expostas neste museo coma: "Sagrada Familia do Paxariño" (Murillo) e "A familia de Felipe IV", máis coñecido coma "As Meninas" (Velázquez), "La familia de Carlos IV" (Goya),  "O xardín das delicias" (El Bosco) ou "O cabaleiro da man no peito" (El Greco), entre outros.

xoves, 17 de novembro de 2011

WEBQUEST SOBRE GRECIA

Agora tócavos ós maiores navegar pola rede e buscar as respostas a algunhas preguntas sobre Grecia e que asía poidamos coñecer un pouco máis esta cultura.

A proposta é Viaxamos á Antiga Grecia?


mércores, 9 de novembro de 2011

Decoración entrada da Biblioteca

 Como estamos a traballar no Proxecto "Sabela nos xogos olímpicos" e o 1º trimestre adicámolo a "Grecia, orixe dos xogos olímpicos", decoramos a entrada da Biblioteca como un templo grego e puxémoslle a "Sabela" a antorcha olímpica.

martes, 8 de novembro de 2011

OS DEUSES GREGOS

Como xa sabedes, estamos a traballar Grecia, como berce dos Xogos Olímpicos. Os Xogos Olímpicos creáronse como loubanza a Zeus, pai de todos os deuses do Olimpo.

O alumnado do 3º ciclo recabou información sobre a Mitoloxía Grega. Como mostra amosamos un traballo realizado por un alumno de 6º.




luns, 7 de novembro de 2011

VISITA VIRTUAL Ó MUSEO

Dende este enlace podedes realizar unha visita virtual ó Museo Arqueolóxico Nacional, que está en Madrid, e poderedes ver ánforas e outros obxectos gregos.

Pero si queredes imaxinar que estades en Atenas, podedes visitar a colección do Museo Arqueolóxico Nacional dende aquí.

Tamén podedes ver a colección do Museo da Acrópole.



Si o que queres é ver a colección do Museo Británico podes vela dende aquí.

GRECIA, ORIXE DOS XOGOS OLÍMPICOS